Promoción, Planificación e Programación. Os tres pés para a dinamización da cultura local.

Lugonovo vén de reunirse cos xestores e xestoras culturais da cidade para trasladarlles o traballo realizado pola formación durante estes catro anos no Concello e, tamén, para escoitar as demandas do sector.

Un encontro moi produtivo – destaca a Plataforma – pero, sobre todo de consenso, no que tanto as entidades representadas como a organización política coincidiron nas medidas que, dende a administración local, se deben abordar con absoluta prioridade.

“Por unha banda, a necesidade de separar turismo de cultura” – salientou a actual voceira do Grupo Municipal. “Son dúas áreas ben distintas que merecen abordarse, cadansúa, dende as súas especificidades e, especialmente no caso da cultura, deixando as medicións económicas ou de rendibilidade á parte”.

O outro eixo fundamental, segundo destacou Cristina Pérez Herráiz, é a de “encher de contidos todos os espazos dispoñibles na capital, como poden ser o MIHL, o Vello Cárcere ou novo Auditorio, para os que cómpre deseñar unha programación acorde ás cualidades técnicas das instalacións así como desenvolvela mediante unha planificación axeitada, que evite que se solapen actuacións, como veu acontecendo ata o de agora, e, fundamentalmente, que se faga unha boa difusión da mesma para socializala entre toda a cidadanía”.

Pola súa parte, o alcaldable de Lugonovo aproveitou a xuntanza para tomar boa nota das inquedanzas do colectivo co ánimo de incorporar as súas peticións ao labor municipal da agrupación no próximo mandato.

“O primeiro será darlle ás e aos creadores o protagonismo que merecen dentro do Consello Municipal de Cultura que debe retomar de inmediato as súas funcións e, a continuación, poñer en valor os seus proxectos como base indispensable para fomentar o consumo da cultura local. Unha cultura que debe potenciarse, non en base a criterios mercantilistas, non co afán de encher ocos a medida nas festas, senón co ánimo de ofertar á sociedade luguesa unha alternativa de ocio plural que parta da nosa propia identidade”, referiu Xosé Chorén quen tamén se comprometeu a descentralizar as actividades polos barrios e a rematar a ordenanza de ruídos como marco legal  indispensable para garantir a celebración de espectáculos conforme unha normativa actualizada.