Como traballamos?

Lugonovo non entende a política como unha xuntanza elitista e pechada. Ao revés, considera que urxe dotar de ferramentas ás maiorías para intervir directamente na xestión dos asuntos que atañen á comunidade.

A organización interna de Lugonovo débese a esa mesma filosofía. É por iso que funcionamos en base a unha Asemblea aberta que marca as liñas mestras da acción de Lugonovo e determina o noso discurso político. A esta Asemblea poden acudir con plenos dereitos calquera persoa integrante de Lugonovo (para o cal só fai falta asinar o manifesto) e pode participar nela calquera veciña ou veciño da cidade. No día a día, existe unha Coordinadora escollida na Asemblea cuxas xuntanzas, cada luns ás 20h no noso local, son abertas a todas as persoas que integran Lugonovo e tamén ao conxunto da cidadanía.

Lugonovo traballa sectorialmente a través de Comisións específicas abertas ao público da mesma forma que a Coordinadora e a Asemblea.

Estamos permanentemente dispoñíbeis para atender as túas demandas no noso local da ronda da Muralla 164, entre as 17 e as 21 horas. Se tes calquera inquedanza relacionada co estado da cidade ou con calquera tema no que pensas que podemos axudar, non dubides en falar connosco.