Cada día somos máis as persoas e os movementos sociais, veciñais, políticos ou sindicais que demandamos un cambio profundo para acadar unha democracia verdadeiramente participativa e representativa, que traballe a prol das necesidades das persoas. E para asumir un reto tan importante precisamos da creación de novos mecanismos de participación social e intervención política.
Urxe un espazo de encontro onde podan participar amplos sectores da sociedade, con presenza nos barrios, nos centros de traballo, no tecido cultural, para recuperar a nosa cidade e devolverlla á cidadanía.
Porque sobran os intereses espurios na política, sobran privilexios duns poucos, e sobra a corrupción -que campa con total impunidade- e a privatización do que é de todos, é urxente un compromiso xeral e xeneroso arredor destes obxectivos básicos:
- Democracia directa e partícipativa, sen intérpretes nin intermediarios alleos á vontade popular.
- Nin un paso atrás na defensa do Estado do Benestar.
- Transparencia absoluta na xestión dos intereses públicos.
- Defensa plena da nosa identidade cultural, da igualdade e da integración social e cultural.
- Medidas de urxencia contra a pobreza (alimentación, vivenda, subministros de auga, luz e gas).Un concello sen desafiuzamentos nin fame.
- Loita contra o paro e a precariedade. Apoio á economia social.
- Tolerancia cero coa corrupción.
- Redución drástica dos custos da corporación municipal.
- Que o concello de Lugo sexa un lugar onde a mocidade teña un futuro.
- Un novo urbanismo, racional e que potencie a rehabilitación social, os alugueres dignos e os transportes públicos.
- Un cambio nas ordenanzas fiscais municipais de xeito que se garanta a súa equidade e progresividade.
- Que se respecte o medioambiente e se acade un desenvolvemento sostible.
- Dar á xente de Lugo o poder de tomar as decisións que marcan a política municipal.
- Recuperar os servizos que pertencen ao concello de Lugo e que os políticos no poder outorgaron a dedo ás empresas da súa conveniencia.
Para conseguilo é imprescindible que as persoas que vivimos en Lugo nos unamos a favor dos nosos dereitos e contra toda clase de privilexios.
Se cres que en Lugo se pode e se debe conformar unha alternativa desde a cidadanía para gobernar o concello desde o 2015, non deixes que outros decidan por nós.