Modelo de Cidade

Lugo é cidade antiga e, porén, queremos un Lugo novo. Actualizar esta realidade urbana con máis de dous mil anos é materia complicada, porque o que chegue non debe destruír o moito valioso que se herda e xa se posúe. Complicado labor, tamén suxestivo.

Lugonovo ten un proxecto de cidade. Ningunha forza política ou candidatura cívica detenta propiedade nin poder para marcarlle a unha sociedade o que debe ser, máis ben terá que advertir carácter ou tendencias, tomar pulso, e propoñer un sentido de ordenación e funcionamento para a cousa pública. Nun dodecálogo.

Núcleo de infraestruturas e servizos

Lugo sempre actuou como motor e cabeza do seu entorno xeográfico, mantendo ao longo de toda a súa historia un destacado papel que durante o último século veu reforzarse a medida que a cidade atraía e fixaba poboación da provincia. Entendemos que a súa situación favorece o seu desenvolvemento como nó de comunicación para o transporte de persoas e mercadorías. Ademais, dótaa dun papel vertebrador do territorio, que ten que garantizar unha rede administrativa para o atendemento digno das necesidades de todas as persoas.

Unha cidade verde

O noso municipio non é simplemente unha cidade: é un espazo urbano sumado a un entorno rural cheo de potencialidades. Urxe plasmar esta realidade nun modelo económico-ambiental onde ambas as dúas ideas non se exclúan mutuamente. Que mire arredor para reabrir a cidade ao medio rural que a rodea e que a nutre. Que promova un tratamento dos lixos e refugallos respectuoso co medio ambiente, uns espazos comúns peonalizados para o desfrute das persoas, unha cultura da mobilidade sostible arredor do ciclismo, e un transporte interurbano comprometido coa saúde das persoas e da natureza. Lugo ten que entrar na liga das Cidades Verdes ou Cidades Lentas e homologarse así a outras urbes de tamaño medio pensadas por e para a xente.

Unha cidade que coide da xente

Defendemos a capacidade das administracións locais de funcionar como primeira e principal garantía dos dereitos cidadáns e da prestación de servizos. O Goberno municipal ten que ser o goberno das persoas, achegado ás súas necesidades cotiás. Co ollar sempre centrado en quen ten menos recursos, especialmente en tempos difíciles. Queremos que Lugo proporcione os servizos básicos para a vida digna de todas e todos, que evite a cronificación da pobreza e dea oportunidades a quen reside aquí e a quen chega por primeira vez.

Un Concello aberto

Hoxe en día existen métodos dabondo para maximizar a transparencia institucional e impulsar a colaboración de toda a cidadanía no goberno cotián. Queremos unha administración eficiente, transparente e garantista que non sirva para o mercadeo de concesións e privatizacións. Defendemos que ese goberno da xente sexa unha realidade sen paternalismos: habilitemos os mecanismos necesarios e os procedementos regulamentados para que a primeira e a última palabra nos asuntos cidadáns sexa a da cidadanía.

Respecto polo público, respecto polo privado

Os espazos comúns son de todas e todos nós. A vida de cadaquén é a vida de cadaquén. Defendemos unha administración sen intromisións nos ámbitos máis privados da persoa, que respecte e defenda o dereito á vida e o desenvolvemento persoal integral e pleno. Temos dereito á intimidade, temos dereito a expresarnos libremente e temos dereito a unha administracións que defenda o común e o individual como dous reversos do mesmo concepto: o humano.

Unha cidade inserida no século XXI

Lugo é unha capital provincial, un dos sete piares de Galicia e unha urbe europea e moderna, aberta á innovación e disposta a exportar ideas e talento. A Universidade ten que actuar como motor de desenvolvemento cultural e económico. Débese centrar na innovación, no sector agropecuario e na economía sostible, axudado por unha extensión universal e pública do acceso a internet. O recoñecemento internacional do noso patrimonio, nomeadamente da nosa muralla romana, é unha tarxeta de presentación que nos liga a outros espazos do mundo dinamizados arredor desta riqueza. Atopámonos irmandados con cidades como Dinan, Viana ou Quinhuangdao: potenciar este tipo de lazos leva o noso nome polo mundo e repercute no coñecemento e referencialidade da nosa cidade.

Unha cidade para xente moza e non tan moza

Cada grupo de idade que conforma unha cidade coma a nosa ten unhas inquedanzas e unhas necesidades específicas que un goberno responsábel ten que atender. A mocidade precisa unha administración que garanta posibilidades de desenvolvemento persoal e laboral, lecer, cultura, recoñecemento como axente activo e acceso digno á vivenda e á emancipación, entre outras. As persoas maiores teñen dereito a gozar duns espazos axeitados para as súas necesidades, a recoñecer o seu papel no desenvolvemento da cidade ao longo da súa vida, a uns servizos adecuados e a políticas de envellecemento activo que potencien o máximo posíbel a autonomía persoal e o benestar.

Unha cidade produtiva

A administración debe velar por potenciar o tecido produtivo e especialmente por evitar a súa degradación. Temos un compromiso coa pequena e coa mediana empresa, coa economía de proximidade que se constrúe sobre a interacción da veciñanza. Sóbranos talento como cidade: o goberno municipal debe axudar a dalo a coñecer, visibilizalo, levalo polo mundo para beneficio das persoas autónomas e asalariadas, emprendedoras, artistas e artesás. Sempre baixo un marco de relacións laborais equitativo e respectuoso cos dereitos das persoas. Aproveitemos a situación estratéxica da nosa cidade como eixo de desenvolvemento no noso entorno.

Un patrimonio que nos identifica

Sen a súa muralla, sen a súa gastronomía e sen as súas festas: sería Lugo a cidade que coñecemos? Sen todo o rico patrimonio romano e prerromano dende o que máis de dous milenios de historia ininterrompida nos contemplan, falariamos dunha cidade distinta. O recoñecemento cidadán ás accións que potencian este capital e aumentan a estima polo propio é evidente. Temos que aproveitar e acelerar esta tendencia, consagrando a nosa historia e a súa pegada monumental, paisaxística e arquitectónica como un vector de desenvolvemento económico. Sabemos que o patrimonio lugués trascende amplamente o legado romano. Sumado ao seu entorno natural privilexiado onde salienta o río Miño, poden conformar un atractivo turístico de primeiro orde. Para iso, debe conxugarse coa necesaria xestión museística e cultural. E cómpre non esquecer a cultura inmaterial, que en aspectos tan diversos como a literatura, a tradición oral e a gastronomía, ten en Lugo un peso enorme que queremos recoñecer desde as institucións.