Lugonovo advirte que o CD Lugo está a recibir máis investimentos do Concello que o barrio da Milagrosa

  • 13 de Marzo do 2018
  • 0

O goberno local prioriza ao CD Lugo sobre os intereses do concello. É a conclusión á que chega Lugonovo trala presentación do que a formación cualifica como a pasarela ao Anxo Carro.

“Será a pasarela do estadio. A que dará un servizo marxinal, cada quince días, aos siareiros do Club pero nin une o centro da capital co río, nin é un referente de sustentabilidade que se axuste á filosofía do Edusi co que vai ser financiada”, advirte a portavoz.

Cristina Pérez Herráiz cre que a infraestrutura, á que lle atribúe un custo desorbitado, non respecta a idiosincrasia do proxecto europeo, orientado a obter un crecemento intelixente, integrador e sostible da contorna urbana que comprende dende a Muralla ao Miño.

“A dotación, tal e como se presentou, desvirtúa por completo os principios do Edusi, en tanto só facilita os desprazamentos ao campo de fútbol, beneficiando maioritariamente, cunha obra faraónica, a un colectivo minoritario en detrimento das necesidades do conxunto da veciñanza”.

“Semella que o executivo prefire poñer en valor a unha entidade privada e non ao municipio e que non vai escatimar nin en medios nin en diñeiro para facelo”, lamenta Pérez Herráiz, quen desconfía igualmente da lexitimidade da cesión de terreos que se pretende facer en San Fiz para a creación da cidade deportiva.

“Un convenio, do que dubidamos incluso da súa propia existencia, tendo en conta que solicitamos acceder a el e aínda non recibimos resposta”, di a voceira de Lugonovo, “colaboración á que hai que engadir os 82.500 euros que o CD Lugo recibe anualmente da administración local pola vía da subvención”.

Cristina Pérez pregúntase ademais por qué o equipo de Lara Méndez ten tanto interese en asumir, neste caso, competencias que non lle corresponden.

“Estamos a falar dunha pontella que atravesa unha estrada nacional, dependente de Fomento. A alcadesa di que se o Ministerio non se responsabiliza desta infraestrutura ela non pode quedar de espectadora. Mágoa que non empregue o mesmo argumento para corrixir a perigosidade do cruzamento de San Eufrasio con Fontiñas ou en acondicionar a praza de Conde Fontao. Pena que este goberno decida investir máis nunha sociedade anónima que en mellorar, por exemplo, a calidade de vida dos residentes da Milagrosa”, conclúe Pérez Herráiz.

 

0 comentarios

    Deixe un comentario