Lugonovo advirte que os déficits na xestión poden dar ao traste coa prórroga da campaña de prevención e defensa contra os incendios forestais

  • 10 de Novembro do 2017
  • 0

“Podería resumirse como unha serie de catastróficas desditas pero a crúa realidade é que os desatinos administrativos levan lastrando a campaña local de prevención de incendios forestais dende o seu inicio”.

Así se refiren os edís de Lugonovo á xestión que, dende os ámbitos municipal e autonómico, se está a facer dun servizo que, este ano especialmente, demostrou a súa condición de prioritario.

“É o que se chama empezar con mal pé. Porque non só comeza en agosto, con mes e medio de atraso, senón que remata xusto no momento de maior risco ambiental. Unha falta de previsión e de dilixencia burocrática que resultaron fatais e que agora van propiciar tamén que a prórroga do contrato teña aplicación menos días dos previstos, se non se perde definitivamente”.

Cristina Pérez Herráiz explica que unha addenda ao convenio asinado entre Xunta e  Concello contemplaba un mes máis de traballo para a decena de brigadistas que participaron no dispositivo de extinción de lumes deste verán. Unha prolongación que ten, como data tope de remate, o 30 de novembro.

“Varios erros detectados no Decreto que regulaba o acordo obrigaron a anulalo e a redactar un novo documento ao que aínda non se lle puido dar trámite por carecer de consignación. E logo falta que o expediente pase a fiscalización do interventor, entre outros requisitos. ¿Iso que significa? Pois que, no canto de 30 xornadas laborais só se poderán efectivizar a metade… e sendo moi optimistas. É dicir: menos días para desenvolver menos tarefas das necesarias e o feito de que se perdan cartos, porque logo haberá que reintegrar á Consellería de Medio Rural a porcentaxe de subvención concedida que non se utilizou e que superaba os 16.000 euros”.

“Todo un exemplo de responsabilidade e bo facer institucional” – di Pérez Herráiz - quen adianta que Lugonovo interpelará ao goberno para saber, exactamente, qué fixo demorar o proceso e cales son e onde se desenvolverán as actuacións dos efectivos forestais para aproveitar a “xa escasa continuidade que terá o seu contrato, se é que ten algunha”.

 

0 comentarios

    Deixe un comentario