Lugonovo alerta do descoido absoluto que sofre a zona deportiva de San Fiz

  • 9 de Febreiro do 2018
  • 0

Semella unha pataqueira pero é a zona deportiva de San Fiz. Só recoñecible porque así o advirte un pequeno cartel que a penas sobresae da maraña de silvas que o rodea.

“O campo de rugby é un prado a barbeito onde xa resulta imposible atopar algún rastro de area e o de fútbol parece unha piscina. No canto de céspede, toda a parcela está invadida de toxos e malas herbas, chea de charcos e coas redes das porteirías rotas ou completamente estragadas”, explica Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz de Lugonovo lamenta que o goberno non fora quén de frear o deterioro das instalacións a pesar das advertencias que a formación lle fixo, ao respecto, xa hai un ano.

“En xaneiro de 2017 levamos un rogo á Comisión de Infraestruturas e Deportes denunciando o descoido destas dotacións e solicitando o seu acondicionamento. A resposta que se nos deu foi que a cancha de rugby acababa de ser rozada e que só restaba pasarlle unha fresa para poder utilizala. E que, no caso da zona de arboredo, ademais, se colocarían, en breve, bancos.  Doce meses despois as imaxes falan por sí mesmas: xa non é que se executara algo do prometido, senón que todo este tempo só serviu para que se botase a perder o investimento municipal”, reprocha Pérez Herráiz.

Dende Lugonovo advirten que reiterarán a súa petición para que se recuperen estes terreos e a súa empregabilidade nas condicións axeitadas.

“Queremos saber ademais se as conversas que, nos avanzaron, ían ter coa USC para estender o seu uso á comunidade universitaria, chegaron a bo porto e qué planes teñen para aproveitar debidamente este espazo destinado á actividade física”, conclúe a voceira.

0 comentarios

    Deixe un comentario