Lugonovo ante as publicacións en prensa relativas á transparencia e pluralidade internas

  • 17 de Novembro do 2017
  • 0

Logo da publicación en diversos medios de comunicación do posicionamento de persoas inscritas en Lugonovo que militan noutros partidos e organizacións, a Coordinadora da formación quere facer públicas unha serie de aclaracións.

A primeira, que non lle constan os motivos concretos que causan esta crítica pública, que en todo caso recoñece como lexítima e representativa das opinións persoais de persoas que participan desta candidatura de unidade popular.

A segunda, que coma sempre desde a conformación de Lugonovo, o espazo de confluencia habilitou e continúa a dispor de mecanismos e canles internas onde as diferenzas programáticas, discursivas e políticas poden explicitarse, debatirse e contrastarse. Trátase dun dos piares fundamentais da filosofía dunha nova política aberta, participativa e radicalmente democrática.

A terceira, como consecuencia da anterior, é que a Coordinadora de Lugonovo, como todas as súas comisións e a propia asemblea, é un espazo aberto onde calquera persoa pode ter voz independentemente de se foi votada para formar parte de pleno dereito daquela. Unha Coordinadora que ten operado sempre baixo os principios de non exclusión, de respecto ás opinións de todas as persoas asistentes e de búsqueda de consenso no deseño e implementación das posturas públicas de Lugonovo. Por tanto, faise especialmente difícil de entender a causa que motiva as queixas recollidas na prensa.

En todo caso, e en virtude de todo o anteriormente exposto, Lugonovo confía en que as diferenzas de matiz non obstrúen nin cuestionan o proxecto colectivo cidadanista que continúa a traballar pola alternativa política progresista para a cidade de Lugo. É por iso que convida ás persoas que fixeron públicas as súas queixas a expolas igualmente nos espazos de debate da organización, sen prexuízo do seu dereito á discrepancia pública.

0 comentarios

    Deixe un comentario