Lugonovo chama a participar na manifestación do Día das Letras Galegas

  • 16 de Mai do 2018
  • 0

Lugonovo quere expresar o seu apoio á mobilización convocada pola plataforma Queremos Galego que terá lugar en Santiago de Compostela mañá ás 12 da mañá baixo o lema “En galego día a día”. A plataforma cidadá anima a todas as luguesas e lugueses a asistir a esta convocatoria en defensa da lingua galega e das persoas galegofalantes. 

Lonxe de concibir esta convocatoria polo Día das Letras Galegas de modo ritual, Lugonovo entende que se trata dunha oportunidade de visibilizar o apoio social maioritario a medidas encamiñadas á normalización da lingua galega. Nun contexto onde por primeira vez a lingua de Galicia é minoritaria na sociedade, é máis urxente que nunca esixir o cumprimento dos acordos do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado unanimemente no Parlamento de Galicia en 2004.

Ademais, Lugonovo celebra especialmente que teña sido María Victoria Moreno Vázquez a persoa escollida como homenaxeada na presente edición do Día das Letras Galegas. Faino porque ao escollela, como fixo en 2015 a plataforma A Sega no marco do “Día das Galegas nas Letras”, a Real Academia Galega contribúe a romper o tabú que aínda pesa sobre a presenza feminina nas letras e o seu recoñecemento, en primeiro lugar. 

Tamén porque o feito de ter María Victoria Moreno Vázquez nacido fóra de Galicia confirma o carácter universal da lingua galega, que atopa valedoras alén das nosas fronteiras. E, por último, por existir unha importante ligazón entre Lugo e a autora, sendo a nosa cidade un dos lugares que a aproximaron á cultura e á identidade galega, e onde foi impresa a súa primeira novela en lingua galega, “Mar adiante”, na imprenta da libraría Celta. 

Por todos estes motivos, neste Día das Letras Galegas Lugonovo convida á cidadanía a descubrir a figura de María Victoria Moreno Vázquez a través da súa obra.

0 comentarios

    Deixe un comentario