Lugonovo cualifica de anuncio en diferido o acordo asinado esta mañá entre o IGVS e a Axencia de Turismo para rehabilitar a Tinería

  • 13 de Xuño do 2018
  • 0

A portavoz de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, cualificou de anuncio en diferido o acordo de colaboración asinado esta mañá entre o IGVS e a Axencia de Turismo de Galicia para levar a cabo diversas actuacións de rehabilitación da Tinería. 

“Ao que vimos de asistir non é máis que a unha posta en escena e a demostración máis evidente de que algúns organismos xa están en plena campaña electoral. Un acto protocolario insustancial que só pretendía darlle propaganda ao presuposto compromiso da Xunta coa recuperación deste barrio”.

A voceira da formación considera, en cambio, sumamente preocupante as intencións que se agochan detrás da manobra do goberno autonómico, despois de que hoxe tamén comunicara a súa vontade de reformar o Pazo de Dona Urraca para trasladar alí a Oficina de Turismo e o Centro de Interpretación do Camiño.

“Consideramos unha boa nova que asuman a restauración do Pazo e que queiran poñer en valor non só este inmoble senón tamén toda a contorna, pero o que non nos parece de recibo é darlle uso ao edificio cun servizo que xa se dispensa noutro lugar, que goza ademais dunha ubicación ideal e no que o executivo galego investiu preto de 300.000 euros hai só 8 anos, para, a continuación, cedelo á iniciativa privada. Que nos expliquen, se verdadeiramente existe unha aposta pola rexeneración do Patrimonio público, qué sentido ten deixar baleiro este local para prestalo, despois, á especulación”.

Desvestir un santo para vestir outro pode ser, segundo o Grupo Municipal, outra definición acorde á operación anunciada esta mañá e “da que resulta farto complexo atopar algunha concreción, tendo en conta que o único que se comunicou é que se prevé que o procedemento comece despois de setembro co estudo do posible proxecto. É dicir, o presentado non pasa por outra cousa que por ser un compendio estatístico do futuro aproveitamento da Tinería e outro capítulo máis da lea de atrís que están a disputar, neste espazo, os dirixentes das institucións”, conclúe Cristina Pérez Herráiz.

0 comentarios

    Deixe un comentario