Lugonovo demanda o repintado urxente dos pasos de peóns da cidade

  • 11 de Abril do 2018
  • 0


Lugonovo denuncia o estado calamitoso no que se atopa a maior parte da sinalización horizontal da cidade e advirte do perigo que conleva para a poboación.

“Dunha punta a outra, toda a capital adoece dunha man de pintura que reforce as marcas viarias, en moitos casos, xa completamente desaparecidas e nunha situación de conservación extrema que compromete a seguridade do tráfico”, advirte Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz da formación sinala só algúns dos exemplos de zonas nas que este desleixo resulta máis patente. “Entre unha longa lista de localizacións, dende a Estrada da Granxa, pasando por Magoi, Frigsa ou a Avenida da Coruña; practicamente pódese dicir que non hai rúa do concello que non precise dunha intervención, especialmente nos espazos destinados ao cruzamento”. 

“Queda de manifesto que evitar atropelos non é unha das prioridades deste goberno, senón non se entende que, mes tras mes, sigan aumentando o número de pasos de cebra que xa se volveron invisibles”, afea Pérez Herráiz. E refire: “para pasar dunha beirarrúa a outra en Otero Pedrayo hai que adiviñar o trazado a seguir, por non falar de que o pavimento sofre un deterioro tal que é unha casualidade que aínda ninguén caera e se mancara alí”.

Dende a agrupación, a súa voceira repróchalle ao executivo a excesiva lentitude coa que a administración local está a resolver as deficiencias nos barrios. “Para escusarse o equipo de Lara Méndez sempre bota man do mesmo pretexto: hai que agardar polos novos orzamentos, esperamos que agora que están a piques de entrar en vigor, demostren que esta afirmación é algo máis que palabras que leva o vento”, conclúe Cristina Pérez.

0 comentarios

    Deixe un comentario