Lugonovo denuncia que a reforma do edificio número 48 da Ronda da Muralla leva todo o ano paralizada

  • 4 de Decembro do 2017
  • 0

As previsións cumpríronse e o edificio número 48 da Ronda da Muralla vai camiño de chegar ao 2018 en estado ruinoso.

“Con este inmoble resulta imposible non acordarse daquela canción de Joaquín Sabina que repasaba todas as horas do día… Aínda que neste caso pódese extrapolar aos meses, as estacións e, polo que se ve aos anos tamén, coa mesma lectura de intención efémera”. Iñaki García repróchalle así ao executivo a falta de avances para proceder á reforma da devandita construción.

“Da media ducia de informes elaborados polo arquitecto municipal ao respecto, existe  un deles, de maio de 2016, no que se sinala que se trata dunha obra urxente. Neste documento, figuraban, entre outras consideracións, que a vivenda necesitaba dunha actuación inmediata debido á existencia de serios riscos de desprendemento e á desaparición de varios elementos arquitectónicos catalogados”, explica o edil de Lugonovo.

“O matiz aquí debe de estar logo no que técnicos e goberno entenden por inmediatez, porque a piques de rematar un novo exercicio semella que aínda non se fixo nada para poñerlle remedio ao perigoso abandono que sofre a edificación”, afea García Gómez.

Os concelleiros da formación queren saber qué pasos se deron dende o novembro anterior, cando a Xunta de Goberno lle encomendara a xestión á Empresa Municipal de Vivenda e Solo.

“A principios da xaneiro explicáronnos que estaba pedente a tramitación dunha providencia de Xestión Urbanística para que Evislusa detallara o custo do proxecto e a valoración das medidas de seguridade. Unha memoria, que xa foi entregada hai tempo e dende a que non volveu transcender nin un só progreso do devandito expediente. E o que nos preocupa seriamente é que non o houbera, porque estamos a falar dun asunto que prexudica á cidade e á seguridade dos seus habitantes”.

Iñaki García lembra que a formación propuxo, no seu momento, a instalación dun armazón porticado que permitise aos peóns pasar por debaixo sen ter que invadir a calzada, de forma que non afectase á circulación e que poría, de novo, a disposición dos seus usuarios as dúas prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida.  “Unha solución que nos pareceu acaída, que daba servizo en consonancia coa estimación de prazos que entrañaba a execución dos traballos e que o goberno – ironiza o edil – adoptou co mesmo ritmo trepidante que xa caracteriza á súa xestión neste Concello”.

 

Tags: 

0 comentarios

    Deixe un comentario