Lugonovo estima que o Concello leva pagados máis de 650.000 € pola xestión irregular dos Museos

  • 8 de Xuño do 2018
  • 0

¿Que acontece co contrato para a xestión dos Museos? Atrasado sine die, primeiro porque houbo que modificar varias veces os pregos, logo porque o concurso quedou deserto e finalmente porque, á vista do éxito, precisaba incrementar a súa consignación ... o certo é que a atención ao público nas salas museísticas da cidade séguese pagando con reparos de legalidade e sen trazas de que a concesión se regularice dunha vez por todas.

“Resulta evidente que o goberno municipal non ten vontade nin interese algún por atallar esta anomalía e rematar coa complicidade que mantén co grupo Vendex e coas súas filiais”, reprocha Cristina Pérez Herráiz quen calcula que, dende que expirou a adxudicación, Sermasa percibiu do Concello ao redor de 650.000 euros, a razón dunha media - á baixa-  de 15.000 € ao mes, durante os tres anos e medio que transcorreron dende que finalizou a última prórroga, en novembro de 2014.

A portavoz de Lugonovo lembra que hai case dous meses que os novos orzamentos entraron en vigor e que, por tanto, a derradeira escusa da responsable de Cultura para non axilizar o procedemento perdeu toda credibilidade.

“O argumento, de por si, sempre nos pareceu máis que cuestionable, tendo en conta a cantidade de modificacións e de transferencias de crédito que este executivo leva autorizado para outras partidas sen necesidade de dispoñer dos presupostos. Pero é que ademais o tempo demostra que se trataba dun pretexto e que o verdadeiro motivo é que resulta moito máis chamativo, e rentable electoralmente, licitar obras para poder inauguralas e non regularizar servizos, coma este, que levan todo o mandato caducos”, di Pérez Herráiz.

Dende o Grupo Municipal insisten en que o goberno aínda non foi quen de resolver ningún dos grandes procesos contractuais que estaban extinguidos, “síntoma dunha xestión ineficaz e contraproducente para o funcionamento da administración que, por este motivo, cada exercicio, perde ao redor dun 20% do que debera recadar coas externalizacións”, conclúe a voceira de Lugonovo quen adianta que, de novo, este mes, a formación volverá a preguntar  por esta cuestión “e agardamos que agora a resposta sexa a data concreta na que se pensa abrir o prazo de presentación de ofertas. Xa está ben de desculpas”.

0 comentarios

    Deixe un comentario