Lugonovo insta ao goberno a reparar os danos que ocasionou no firme a grúa da Rúa Monforte

  • 5 de Xaneiro do 2018
  • 0

“Non debeu ser dabondo todo o que entorpeceu a circulación o soporte do guindastre que, durante máis de corenta días, ocupou, sen uso nin cometido ningún, o inicio da Rúa Monforte que agora, tres meses despois de retiralo, aínda non foron emendados os danos que a estrutura ocasionou na calzada”, reprocha Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz de Lugonovo afea ao goberno local por consentir que, dende setembro, a empresa responsable dos traballos non se fixese cargo da súa reparación.

“Se non é a construtora terá que ser o Concello, pero o que non nos parece de recibo é que a desidia do executivo perpetúe os prexuízos que esta obra está a causar á cidadanía, se non é por unha causa, por outra”.

Pérez Herráiz lembra que a base de formigón que sustentaba a maquinaria botou case dous meses apalancada no medio da vía, invadindo parte da beirarrúa, incluído un tramo do paso de peóns.

“Daquelas obstaculizaba a circulación, pero se o pavimento, absolutamente estragado, non se amaña pode converterse incluso nun foco de caídas para os viandantes”, advirte a voceira ao tempo que avanza que a agrupación municipal instará ao equipo de goberno a corrixir esta cuestión.

0 comentarios

    Deixe un comentario