Lugonovo lamenta que o goberno non estea a aproveitar as conclusións do mapa social para mellorar as políticas locais de benestar

  • 10 de Xaneiro do 2018
  • 0

A portavoz de Lugonovo reclámalle ao goberno que empece a empregar o Mapa Social  do Concello. O documento era unha das propostas requeridas pola formación para asinar o seu apoio aos orzamentos de 2016.

“Estamos a falar dunha ferramenta fundamental para o desenvolvemento eficaz das prestacións relacionadas coas axudas de emerxencia e con boa parte das intervencións que deben poñer en marcha os Servizos Sociais, para nós o principal piar asistencial da cidadanía. Mais, dous anos despois do acordo, seguimos sen coñecer cales son as súas conclusións e, sobre todo, cómo pensa este executivo darlle utilidade”, cuestiona Cristina Pérez Herráiz.

A voceira refire que nos últimos tempos a área municipal de Benestar non deseñou novos programas de actuación, nin tampouco organizou campañas específicas en ámbitos determinados da súa competencia.

“Un feito que se demostra, obxectivamente, coa raquítica execución que tivo a partida prevista para emerxencia social nos anteriores presupostos e que supuxo o gasto de tan só o 56% (225.000 €) dos 400.000 euros dispoñibles”.

Pérez Herráiz engade máis consecuencias á falta da información estatística procedente da devandita memoria.

“O propio departamento recoñecía, na proposta de orzamentos que elaborou para as contas deste exercicio, que non pode crear a Renda Básica porque carece dos datos que lle permitan determinar cal é a potencial poboación beneficiaria da medida e que, polo tanto, lle resultaba imposible asignarlle unha previsión económica”.

“Esto é o que consegue a desidia e a relaxación de funcións que, dende o inicio do mandato, leva amosando este equipo de goberno: que proxectos tan importantes, como resolver as necesidades básicas e perentorias da veciñanza, queden aprazados pola súa escasa capacidade de resolución”, conclúe a portavoz de Lugonovo instando ao executivo a empregar e trasladar publicamente, canto antes, o contido do Mapa.

0 comentarios

    Deixe un comentario