Lugonovo pide un cambio de dirección nas políticas de subvencións municipais dirixidas á Muller

  • 7 de Marzo do 2018
  • 0

14 subvencións nominativas á Muller e 9 delas para clubs deportivos.

Ou en termos cuantitativos: só o 35% das axudas que o Concello de Lugo concede para apoiar aos colectivos femininos se destinan a accións non relacionadas coa práctica desta actividade.

“En 2017 a Corporación aprobou un orzamento de 631.500 euros a repartir entre 63 entidades deportivas”, explica a portavoz de Lugonovo. “Sen embargo, ningunha delas é unha asociación feminina. A estas se lles subvenciona coa partida dirixida á Muller en detrimento doutros proxectos específicos da área”.

Desta forma, Cristina Pérez Herráiz denuncia o que, a xuízo da agrupación é un importante agravio comparativo que, ademais, ten como consecuencia que o movemento feminista da cidade perda forza ante a falta de colaboración institucional.

“Muller e deporte (o mesmo ten que sexa masculino ca feminino), son dúas cousas ben distintas, ou así o entendemos dende Lugonovo e, polo tanto, non pode ser que os cartos que deben dirixirse a un concepto acaben revertendo maioritariamente no outro”.

“A cada quen o seu”, solicitan dende o Grupo Municipal, instando ao executivo a que nas vindeiras convocatorias o diñeiro non se desvíe dos usos asignados de forma inicial.

“Pedímoslle ao goberno que nos próximos exercicios inclúa nas achegas ao deporte tamén aos clubs femininos, para que estes poidan concorrer en igualdade e de forma equitativa ás axudas públicas. E pedímoslle, asemade, que o 8 de Marzo, reflexione sobre a efectividade das políticas municipais que desenvolve por esta vía. Agardamos que non crea que 11.260€ ao ano son suficientes para cooperar cos colectivos locais que loitan pola integración social de mulleres en exclusión, por mellorar a súa formación e calidade de vida e por visibilizalas e protexelas da explotación ou das agresións machistas, entre moitas outras tarefas que desempeñan”, refire, en conclusión, Cristina Pérez.

 

 

0 comentarios

    Deixe un comentario