Lugonovo pregunta polos avances no desdobramento de Infanta Helena

Os edís de Lugonovo queren saber a qué ritmo avanzan os traballos técnicos para a humanización da Duquesa de Lugo.

“Un proxecto que se anunciou en marzo comprometendo o seu inicio para finais de ano pero do que seguimos sen coñecer ningún detalle, nin dos termos do convenio asinado coa Deputación, nin do cronograma de actuacións previsto, nin das conclusións do levantamento topográfico” -  refire Iñaki García.

Cuestións, entre outras, que o concelleiro trasladará á vindeira Comisión de Medio Rural e Infraestruturas ante a preocupación de que, “como vén sendo costume, os prazos anunciados polo Concello se demoren sine díe”.

“O máis grave é que o executivo condicionou ao desdobramento desta Avenida a mellora da súa sinalización e iluminación. Un argumento, para Lugonovo tan sorprendente como inverosímil e que, atendendo á velocidade coa que se desenvolve este equipo de goberno, pode implicar que nunca chegue a repintarse”, advirte García Gómez.

Dende a formación cualifican de “vergonzoso” o estado no que se atopa a estrada, tratándose ademais dunha das arterias que soporta máis circulación da capital e pola que tamén transitan, a diario, numerosos peóns. “As liñas de separación dos carrís son inexistentes, o mesmo que as que delimitan a calzada da beiravía. É imposible advertir onde remata unha e empeza outra. Toda Infanta Helena pide a berros unha man inmediata de pintura”.

Os edís do Grupo Municipal entenden que a seguridade da veciñanza non pode verse comprometida por quedar supeditada a unha cuestión de vontade política polo que instan ao goberno a “revisar os tempos estimados para a execución das obras de ensanche desta vía e a ser realista cos mesmos, priorizando por riba de calquera outra cousa a protección da cidadanía”.

“Cremos que a mellora que solicitamos, ademais de imprescindible é urxente e lonxe de supoñer un esforzo económico extraordinario para as arcas locais sí pode, en cambio, evitar accidentes”. Iñaki García recorda que a apertura de novos centros de traballo na contorna contribuíu a incrementar a presenza de transeúntes camiñando polas inmediacións o que obriga a un reforzo da sinalización horizontal e do alumeado, especialmente no inverno cando as horas de luz diminúen e as condicións climatolóxicas dificultan a visibilidade.

0 comentarios

    Deixe un comentario