Lugonovo pregunta por que non se imputaron á garantía de obras as últimas reparacións realizadas no Vello Cárcere

  • 16 de Novembro do 2017
  • 0

4.467’24 euros. Ese é o importe ao que ascende a reposición de adoquinado no patio do Vello Cárcere. A superficie arranxada corresponderíase, “a simple vista”, coa entrada ao panóptico e sería inferior aos 20 metros cadrados.

“Resulta cando menos curioso – advirte a portavoz de Lugonovo -  que o firme exterior do recinto se deteriore aos seis meses de uso. Pero máis curioso nos parece que o custo de amañalo o teña que asumir directamente o Concello e non se impute á garantía da obra”.

Os edís da formación entenden que ese aval debería estar dispoñible, como mínimo, un ano para responder por esta e outras deficiencias que se detectasen na construción durante o devandito período. “Sen embargo, non se fixo así e preguntaremos por que, cando, ademais, as eivas do edificio, pese a levar pouco tempo en funcionamento, xa empezan a ser notorias”, apunta Cristina Pérez Herráiz referíndose non só ao estado no que se atopa o pavimento senón tamén ao descascado que afecta á pintura dos accesos laterais.

A voceira de Lugonovo lembra que o da dotación cultural non é un caso illado.

“Os danos reais que afectaban á sede da policía local ascendían a 107.370’55 euros, cinco anos despois de inaugurarse, segundo reflicte un informe incluído no expediente de Crédito Extraordinario. Tamén o Suplemento de Crédito prevía, neste exercicio, unha partida de 58.965’72€ para reparar a escola infantil Gregorio Sanz, aberta en 2010.  Un centro para o que, xa en 2016, se anunciaran 18.700€ coa fin de acometer melloras estruturais. “Está  claro que a ausencia de control e fiscalización das obras que contrata a administración estalle saíndo moi cara aos lucenses”, denuncia Pérez Herráiz.

Unha “auténtica sangría para as arcas municipais” que, a xuízo dos concelleiros de Lugonovo, vén derivada de varios factores: “ou non se supervisa axeitadamente a súa realización; ou os traballos non se planifican como deberan e hai que facelos dúas veces ou en dúas fases, como ocorreu co proxecto de rexeneración de pavimento e renovación de servizos na Ronda das Fontiñas; ou se deixa caducar a fianza sen esgotar a súa contía, como aconteceu no MILH;  ou mesmo o que parece que sucede nesta ocasión, e que xa sería a raíña de tódalas anomalías, que directamente non se bota man dela porque o goberno prefire que saian do peto da cidadanía os cartos cos que solucionar os desperfectos”.

A formación inquirirá ao executivo ao respecto, preguntándolle tamén por todos os traballos de reparación que se fixeron no Vello Cárcere dende o pasado abril, si se descubriu algunha outra carencia que vaia implicar un novo gasto a curto prazo e con cargo a qué se pensa sufragar. “E por certo – conclúe a voceira – co de novembro xa serán tres meses que se abona con reparo de legalidade a atención ao público nas instalacións e outro trimestre máis no que segue sen saberse nada da concesión para a vixilancia do recinto e para a explotación da cafetería. A este ritmo é probable que haxa que reformar todo o inmoble antes de que se liciten”.

0 comentarios

    Deixe un comentario