Lugonovo preguntará no Pleno polos plans do goberno para garantir o futuro da Escola Municipal de Música

  • 8 de Febreiro do 2018
  • 0

Lugonovo pedirá no vindeiro Pleno que o goberno aclare cómo pensa asegurar o futuro da Escola de Música, despois de que o Tribunal Supremo rexeitase o recurso de casación presentado polo Concello contra a sentenza do TSXG que impide aos músicos da Banda Municipal exercer tamén como docentes.

“Levamos máis dun ano coa espada de Damocles oscilando sobre esta cuestión – advirte a portavoz de Lugonovo – polo que entendemos que o executivo, caracterizado pola súa axilidade e capacidade de previsión,  aproveitou todos estes meses para articular un plan B que, se como se auguraba, a xustiza volvía pronunciarse en negativo,  puidese garantir a continuidade do funcionamento habitual do centro. E queremos saber cal é”.

“A propia Asociación de Usuarios da Escola e o resto de grupos da Corporación témolo claro”, refire Cristina Pérez Herráiz. “A solución pasa pola modificación parcial da RPT, tal e como veñen de facer cos requisitos para optar ao cargo de director da Banda. Se ese cambio puntual foi posible, cremos que o outro tamén. Só é unha cuestión de prioridade e de vontade política”, subliña a voceira.

Por outra banda, o grupo Municipal preguntará tamén pola cantidade de cartos que a institución local leva entregados a Eosa para que remate, despois de 9 anos, a elaboración dunha Relación de Postos de Traballo que poña orde aos recursos humanos do Concello.

“O noso estupor é maiúsculo ao comprobar que, case unha década despois, se lle adxudicará a esta empresa un novo contrato para que redacte os informes que expliquen con detalle o cometido a desempeñar en cada unha das prazas que contempla a RPT. E logo, ¿non era por aí por onde se debe comezar un documento coma este?, reprocha Pérez Herráiz.

“Esto demostra que todo o 2017 foi perdido, que non fixeron nin un só esforzo para que avanzara a súa tramitación e que, ademais, a súa negociación empezouse polo tellado, porque os piares aínda están sen afianzar hoxe e, a este paso, moito nos tememos que á cidadanía de Lugo vanlle saír moi caros”, lamenta a portavoz de Lugonovo.

 

0 comentarios

    Deixe un comentario