Lugonovo propón a colaboración entre Concello e cidadanía para despexar de neve os camiños do rural

  • 7 de Febreiro do 2018
  • 0

¿De que serve que as estradas estean despexadas se os residentes no rural non poden chegar a elas porque os accesos secundarios están cubertos de neve?

É a pregunta que se fai a portavoz de Lugonovo tralo acontecido esta mañá.

“Moitas aldeas, como Vilachá de Labio, Paredes, Muxa, Pías e mesmo a contorna da Campiña, quedaron hoxe illadas porque non era posible circular polos camiños que comunican as vivendas coas vías principais, causando un importante trastorno que se podería evitar”, explica Cristina Pérez Herráiz.

“Só é preciso artellar unha sorte de protocolo de colaboración entre Concello e cidadanía para que os veciños advirtan das localizacións nas que cómpre intervir e, aqueles que conten cun tractor, previa entrega de sal, poidan axudar a espallala polos sendeiros que presenten complicacións no seu tránsito”, refire a voceira.

Pérez Herráiz anima ao executivo a estudar esta proposta “dado que supón un esforzo mínimo porque non implica máis que desenvolver un labor de organización e de reparto de tarefas para que aquelas persoas que poidan e estean dispostas a participar conten cos medios axeitados e cunha planificación do traballo adecuada. Ademais trátase de ocasións puntuais”.

“Lamentamos, iso si, que ante o prognóstico meteorolóxico que xa auguraba para este mércores unha xornada de moito frío, con posibles xeadas e precipitacións a unha cota inferior aos 300 metros, o goberno non fora capaz de tomar, coa debida antelación, as medidas suficientes para garantir a seguridade no tráfico non só na capital senón tamén nos núcleos do municipio”, conclúe a portavoz de Lugonovo. 

0 comentarios

    Deixe un comentario