Lugonovo propón mellorar a difusión das bonificacións e exencións ás ordenanzas municipais

Os edís de Lugonovo suxiren poñer en marcha unha campaña informativa sobre as bonificacións aplicables aos tributos e precios municipais ás que se poden acoller os contribuíntes.

“Trátase de acadar unhas taxas máis xustas e ponderadas, que promovan a equidade, se adapten á realidade social e axuden a xerar traballo e actividade empresarial. Pero de nada serve modificalas periodicamente se eses cambios non se trasladan de forma axeitada á cidadanía”, lamenta Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz da formación cre que a política de difusión desenvolvida, ata o momento, polo goberno resulta “tan raquítica e escasa que anula os efectos positivos que puideran ter os cambios introducidos na normativa local”.

E refire como exemplo o feito de que só 28 lucenses solicitaran, no que vai de ano, a exención das taxas da auga, lixo e sumidoiros que Lugonovo propuxo para minguar a carga fiscal daquelas persoas que só perciben como único ingreso unha pensión non contributiva. “Nestes momentos só 17 veciños se benefician desta medida, unha ratio moi baixa tendo en conta que o número de perceptores desta prestación, segundo os últimos datos publicados polo IGE (Instituto Galego de Estatística), ronda os 5000 na provincia e que, a de Lugo, é a segunda de contía máis baixa de toda España”.

“O mesmo acontece con outros impostos, como o ICIO. Nos dous últimos exercicios só se rexistrou un único requerimento para diminuír nun 50% o que se paga por facer obras destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais”, explica Pérez Herráiz.

Para os concelleiros de Lugonovo “se todas estas rebaixas non se dan a coñecer é como se non existiran”, polo que propoñen ao executivo editar un folleto informativo que resuma o conxunto de bonificacións e exencións que se contemplan nas ordenanzas. Un díptico que debera estar a disposición da poboación non só nas dependencias municipais senón tamén noutros espazos como os taboleiros dos centros socioculturais, os centros educativos e mesmo as instalacións deportivas e, “porque non – abonda a voceira -  nos espazos publicitarios das marquesiñas do transporte urbano e nos propios autobuses”.

Dende a formación subliñan a importancia de que esta sinopse conte cun lugar de aloxamento preferente dentro da páxina web do Concello, como xa acontece noutras moitas localidades, de forma que o usuario poida coñecer, cun simple click, cales son os descontos que están en vigor aínda que no apartado correspondente figure despois o texto íntegro de cada unha das taxas.

 

0 comentarios

    Deixe un comentario