Lugonovo quere saber por qué Ramos Misioné segue sen sinalización viaria dous anos despois de rematar a súa repavimentación

  • 9 de Xaneiro do 2018
  • 0

Dous anos despois de certificarse as obras de mellora do asfaltado, a rúa Ramos Misioné continúa incompleta, adoecendo dun aspecto básico: a sinalización que garanta a seguridade viaria. Un elemento fundamental, a xuízo das edís e do edil de Lugonovo, tendo en conta, ademais, a densidade de tráfico que rexistra.

“Precisamente foi a cantidade de circulación que soporta o que deteriorou o pavimento e xustificou a súa renovación. Trátase dunha vía cunha situación estratéxica, que ofrece un servizo moi importante a pesares de ser bastante estreita porque admite as dúas direccións ademais do estacionamento. Sen embargo, durante todo o seu percorrido non hai nin unha soa liña de pintura que delimite os carrís o que a convirte nun caos para a condución”, explica a portavoz.

As concelleiras e o concelleiro da formación lamentan que o Concello deixara a remodelación a medias. Uns traballos adxudicados por 29.330’40 euros e dentro dos que se reservaban, inicialmente, 4.859’78€ para o capítulo da sinalización. O proxecto contemplaba a reposición das marcas viais existentes, entre elas o pintado das raias brancas delimitadoras da calzada en todo o ámbito de actuación, así como o do stop.

“Dous exercicios despois seguimos sen coñecer as causas que impiden executar estes traballos pero, dende logo, o que reflexa é unha absoluta falta de supervisión por parte do equipo de goberno, que semella satisfeito co estado actual que presenta a rúa”, critica Cristina Pérez Herráiz.

O Grupo Municipal advirte que, unha vez máis se dirixirá ao executivo para interpelalo polo labor de control que exerce sobre as licitacións públicas. “Neste caso queremos saber, entre outras cuestións, se continúa ou non en vigor o período de garantía da reforma e se aínda se está en tempo de esixirlle á empresa adxudicataria que realice canto antes o repintado de Ramos Misioné ou, se pola contra, o prazo de reclamación xa finalizou e será a administración quen teña que asumir agora un custo engadido para desenvolver estas tarefas”,  conclúe Pérez Herráiz.

0 comentarios

    Deixe un comentario