Lugonovo tacha de parca a campaña municipal contra as agresións sexistas nas festas locais

  • 7 de Xuño do 2018
  • 0

Lugonovo considera insuficientes as medidas deseñadas polo goberno para evitar agresións sexistas durante as próximas festas do Arde Lucus.

Trala reunión do Foro de Igualdade celebrado esta mañá e na que se deu a coñecer o contido da campaña, a portavoz do Grupo Municipal cualificou as accións planificadas polo executivo como un remendo e non como a aposta definitiva solicitada pola formación no Pleno do pasado setembro, para que a administración local combata firmemente a violencia machista.

“Catro carteis, unha guía de recomendacións e un reparto de chapas semellan máis ben unha actuación publicitaria e non un compromiso decidido por rematar cos ataques sexuais durante as celebracións populares”, advirte Cristina Pérez Herráiz.

A voceira de Lugonovo cre que o feito de manter abertas até as tres da madrugada a Casa Consistorial e o Centro de Convivencia Uxío Novoneyra non contribuirá en nada a disuadir destes comportamentos nin servirá de axuda ás súas vítimas.

“Para empezar, ámbalas dúas dependencias están afastadas das zonas de botellón. O máis axeitado, para Lugonovo, sería ter analizado cales son os puntos negros do feiral, onde é máis probable que se produzan este tipo de condutas intimidatorias, e ubicar alí varios estands atendidos por persoal específico. A pesar da vontade e da profesionalidade das e dos ordenanzas que permanecerán de garda nestes edificios, cremos que deberían ser técnicos, cualificados ao respecto, os que atendan as denuncias. Botamos en falta tamén a preparación dun protocolo que recolla o procedemento a seguir cando teña lugar algunha incidencia -   sinala Pérez Herráiz -  porque unha intervención errada pode resultar, incluso, contraproducente”.

A formación propón, asemade, crear unha App para móbil que permita alertar dun posible abuso de forma rápida e eficaz.  “Non se trata de algo irrealizable. De feito a localidade vasca de Durango xa puxo en marcha hai tempo unha aplicación que, unha vez instalada no dispositivo, permite ás mulleres advertir, tanto á Policía como a familiares ou amigos, da  súa localización exacta para que poidan acudir no seu auxilio se perciben unha situación de inseguridade”, refire a portavoz de Lugonovo.

Por outra banda, Cristina Pérez instou á concelleira de Benestar a trasladar aos membros do Foro o borrador da Ordenanza Cívica, onde se abordan cuestións como a prostitución, para que este organismo poida alcalzar unha opinión conxunta e de consenso sobre o documento.

0 comentarios

    Deixe un comentario