A maioría da oposición presenta un escrito en alcaldía para urxir a axilizar a concesión de licenzas urbanísticas

  • 11 de Mai do 2018
  • 0

Trala reunión mantida hoxe entre os voceiros de Alternativa Cidadá de Esquerdas, Ciudadanos, Bloque Nacionalista Galego, Lugonovo e Partido Popular ao respecto dos atrasos que se están a rexistrar na tramitación e concesión de licenzas urbanísticas municipais,  todos os grupos políticos, agás o BNG que optou por non subscribir o acordo, decidiron presentar un escrito conxunto á alcaldía solicitando ao goberno local a posta en marcha de varias medidas encamiñandas a axilizar o cursado e legalización dos expedientes.

Os puntos que figuran  no citado documento requiren, por unha banda, que se cubran os postos reservados a funcionarios con habilitación estatal da forma convinte e, se fora preciso, modificando as partidas correspondentes aos complementos específicos que teñen asignados para adecualas aos salarios actuais co obxecto de garantir a súa demanda.

Igualmente, reclaman que se convoque de forma inmediata as dúas prazas de arquitecto municipal que, neste intre, se atopan vacantes e que figuran na Oferta de Emprego Público de 2016. Que se busque, así mesmo, as formas legais oportunas para reforzar o devandito departamento coa incorporación de novos efectivos e que se nomee un novo xefe do Servizo de Arquitectura para a praza que leva anos baleira.

Asemade, instan ao executivo a estudar posibles alternativas de colaboración temporal coa Empresa Municipal de Vivenda e Solo (Evislusa), ou mesmo mediante asistencias técnicas puntuais, coa fin de desbloquear a situación de acumulación de expedientes e o atraso na concesión de licenzas urbanísticas municipais.

Os grupos da oposición asinantes deste escrito acordaron de forma unánime os termos que recolle dito documento así como o seu traslado á alcaldía, na busca dunha solución de consenso beneficiosa para os intereses da veciñanza de Lugo e para o progreso e dinamización da economía local.

0 comentarios

    Deixe un comentario