A rexeneración da Milagrosa a debate, este sábado, da man de Lugonovo

  • 9 de Marzo do 2018
  • 0

En termos de ingresos, o importe medio das pensións que se rexistran neste barrio é dos máis baixos de Lugo. Ten, en cambio, un dos índices de avellentamento máis elevados do municipio e tamén se concentra nel un alto nivel da poboación migrante. Mentres noutras áreas até un 50% dos seus residentes teñen estudos superiores, na Milagrosa esta taxa é moito menor, chegando algunha das súas seccións a non superar o 10%. Igualmente, o cociente de persoas sen estudos é maior que noutras zonas.

Os datos, facilitados polo doutorando en Dereito Público Andrei Quintiá, revelan aspectos determinantes desta parte da cidade, que, sen dúbida, poden axudar a comprender a realidade que atravesa. El será un dos relatores cos que este sábado conte Lugonovo para tratar de diagnosticar as doenzas que lle afectan a un dos núcleos máis emblemáticos do concello, actualmente en declive.

“Por qué chegou a esta situación e de qué maneira se corrixe. Esas son as conclusións ás que queremos chegar cun debate no que tentamos incorporar tódalas perspectivas posibles”. Cristina Pérez Herráiz resume así o sentido e a finalidade da xornada “Urbes Habitables” que se desenvolverá mañá, dez de marzo, no Local Social da Igrexa da Milagrosa.

“Ao igual que fixemos o mes pasado na Tinería, tamén aquí escollemos un abano de conferenciantes con perfís profesionais e persoais moi diversos para que nos axuden a crear a fotografía integral deste punto da capital”, subliña a voceira.

Dende a arquitectura á antropoloxía, pasando pola intervención e a cooperación social, tódalas vertentes estarán incluídas neste foro no que Lugonovo chama a participar a toda a cidadanía.

“Qué iniciativas poden contribuír a mellorar a habitabilidade na zona, qué actuacións deben acometer as administracións para favorecelas e impulsalas ou cómo sumar e non disgregar culturas, cómo tecer redes de colaboración e mellorar a convivencia, son algunhas das solucións ás que queremos chegar despois de analizar aspectos demográficos, históricos e urbanísticos da man de especialistas en todas estas materias”, explica Pérez Herráiz.

“Serán, sen dúbida, xunto á veciñanza, as mellores fontes nas que embebernos para preparar un traballo político co que intentar reverter o desleixo que, ata o momento, padece toda a contorna por mor da falta de atención e de apoio institucional para con este espazo”, afirma a portavoz de Lugonovo.

Dende a organización subliñan a necesidade de acometer canto antes a recuperación e rehabilitación do enclave, de poñer en marcha outras medidas de humanización como peonalizar a Praza da Milagrosa,  recuperar as vivendas desocupadas, especialmente aquelas que poidan supoñer un perigo polo seu estado de conservación, así como outras actuacións que contribúan a diminuír a conflitividade, a pular pola integración multicultural e a destacar o valor de toda esta área no seu conxunto.

0 comentarios

    Deixe un comentario