Proxecto de cidade

O NOSO PROXECTO DE CIDADE

Lugo é cidade antiga e, porén, queremos un Lugo novo. Actualizar esta realidade urbana con máis de dous mil anos é materia complicada, porque o que chegue non debe destruír o moito valioso que se herda e xa se posúe. Complicado labor, tamén suxestivo.

Lugonovo ten un proxecto de cidade. Ningunha forza política ou candidatura cívica detenta propiedade nin poder para marcarlle a unha sociedade o que debe ser, máis ben terá que advertir carácter ou tendencias, tomar pulso, e propoñer un sentido de ordenación e funcionamento para a cousa pública. Nun dodecálogo.

 

Asentada no campo.

Se a relación cidade-campo, vital no económico, puido outrora estar marcada por menosprezo e receo, no hoxe onde tantas cousas cambiaron toca recoñecer orgullosamente raíces e facilitar os novos intercambios, segundo a lóxica e dinámica dun novo modelo económico-ambiental.

Núcleo estratéxico.

Pola súa situación é nó de rutas terrestres. Polo asentamento, referencia de varias comarcas. Esta cidade debería nuclear proxectos para o seu contorno e propoñerse como nó nas redes de transporte comercial.

Administrativa e de servizo.

Cabeza de convento romano, capital no antigo reino, sede episcopal, cabeceira de provincia…, en Lucus coma en Lugo sempre tivo predominio o papel de vertebradora territorial.

Sociedade do coñecemento e a comunicación.

É unha das principais características da civilización contemporánea, factor eminente canto a promoción individual e relacións entre as persoas. Lugo ten que ofrecer e demandar interese da parte da universidade como institución ligada ao coñecemento e factor de desenvolvemento cultural, non unicamente económico; a provisión de espazos urbanos con acceso público a internet, gratuíto e de calidade debe multiplicarse. Son dous aspectos concretos, non únicos, que non admiten espera.

Patrimonio vivido e posto en valor.

Muralla e festas, patrimonio herdado e iniciativa da xente de agora, capitalizan o impulso de autoestima nos últimos anos; revélanse tamén como vectores de progreso económico en tanto factores de atracción turística. Pero o patrimonio histórico e construído supera moito o ámbito romano, e tanto o medio natural (nomeadamente río e ribeiras) coma a infraestrutura museística e maila promoción da cultura inmaterial (literatura escrita, gastronomía, tradición oral…) deben ser incorporados con eficacia ao ámbito do vivido e o ofrecido.

Industria e actividade produtiva

Tivemos industria, temos, aínda que se perdeu tecido. Revive a artesanía segundo vellos e novos parámetros. Artistas, emprendedores, autónomos, asalariados. A máis de equidade e xustiza, traballo e servizo, Lugo precisa oportunidades para exercer o talento, saída e visibilidade para as propostas e iniciativas de actividade económica. Un goberno municipal debe apoialo e facilitalo, como tamén suxerir un modelo: pequena e mediana empresa como adecuadas ao carácter da cidade, a loxística como eixe de desenvolvemento serían factores básicos.

O público e o privado

Somos sociais, somos familiares, somos persoas. De cada porta para fóra, Lugo é de todos; cara dentro, miles de ámbitos que teñen dereito a vivir e desenvolverse no sosego ou frenesí, consonte a propia escolla ou inclinación. Liberdade de expresión e dereito á intimidade. A miúdo, a institución pública debe intervir para garantilo.

Sustentable, cómoda, accesible e transitable

Tanta cousa sen facer! Mellor organización e tratamento, máis ecolóxico, para a recolla de lixo. Campañas de educación ambiental e vial, policía sobre o abuso. Revisión e ampliación do ámbito peonalizado, atención real para que se respecte. Transporte público urbano realmente útil. O viandante como suxeito urbano de preferencia, a mobilidade ciclista como práctica posible. Transporte interurbano que conecte. Lugo debe reformular a política ambiental e urbanística para escoller -por carácter, por interese- un modelo amable para as persoas, adecuado á súa condición de cidade con tamaño medio e homologable cos valores e correntes internacionais coma Cidades Lentas ou Cidades Verdes.

Mozos e maiores

A miúdo se sinala o acougo como trazo do vivir lugués certamente positivo; por veces, con todo, hai quen encontra demasiado veterana a fisionomía social aparente. O certo é que hai un Lugo produto de diversos lugos, onde as persoas con diferentes idades teñen que ter o seu lugar. Pero non estará de máis reivindicar especificamente o papel da mocidade, que precisa posibilidades laborais, oportunidade e recoñecemento para modos de ser e inquedanzas culturais propias. O concello debe tentar facilitalo.

Aberta ao mundo.

Que un monumento da cidade fose recoñecido internacionalmente acabou de mostrarlles aos seus habitantes que este non é un recuncho irremediablemente illado e anónimo. Se o actual é o mundo interconectado, se lugueses e luguesas viaxan con facilidade e se relacionan correntemente con persoas de calquera parte, Lugo como realidade e proxecto colectivo debe e pode buscar ámbitos de proxección. Cidades amuralladas ou fluviais, campus universitarios con significación no agropecuario… Recuperar o contacto perdido ou esmorecido coas cidades imandadas: Dinan, Viana, Qinhuangdao… Lugo no mundo con marca visible.

Xestión pública e servizos públicos.

Aos lugueses e as luguesas convénnos que o propio concello se encargue, na medida do posible, da xestión e prestación dos servizos que lle competen, que o servizo público non se vexa como concesión privada que ás veces se converte en factor de corrupción. Goberno e xestión deben estar abertos ao control e a participación da propia cidadanía, mediante procedementos regrados, en modo 2.0 e desde a visión e filosofía da Política Aberta.

Solidaria.

Se unha institución municipal debe ser común e igualitaria, as actitudes máis humanistas e determinada visión do democrático piden atención compensatoria aos máis débiles, con menos recursos ou con máis problemas, nomeadamente en períodos especialmente difíciles. Lugonovo propón un modelo urbano con oferta de servizos básicos para todos, propostas para paliar a pobreza, integradora para as xentes que chegan, posible de transitar para os que teñen máis dificultade.