Quen somos?

 

Dámosche á benvida á nosa páxina web.

Somos un grupo de veciñas e veciños de Lugo que nos agrupamos arredor dunha Plataforma Cidadá coa que concorremos ás eleccións municipais. Fixémolo no seu momento porque entendiamos que o proceso de descomposición institucional que atravesaba a nosa cidade e a maioría de concellos do noso país ameazaba o benestar, o progreso e mesmo a liberdade da cidadanía. Hoxe continuamos a nosa participación política porque entendemos que segue a ser unha urxencia democrática tomar, como cidadás e cidadáns, nas nosas propias mans o goberno sobre os asuntos que nos afectan.

Levamos tres anos dando voz a quen non a tiña no Concello de Lugo, loitando especialmente pola xustiza social, a visibilización das minorías e a democratización da actividade política e da xestión diaria das institucións. Durante este tempo nutrimos o noso ideario das achegas de persoas coma ti, que se viron representadas acaso por primeira vez en política.

Temos un proxecto de cidade que en parte conseguimos defender e levar adiante desde a oposición. Pero só dende o goberno podemos, en contacto constante coa cidadanía, implementar un modelo de cidade distinto e máis humano, máis xusto e inclusivo. Lugo non pode deixar a ninguén atrás.

Convidámoste a axudarnos na tarefa de facer realidade un Lugo novo.