Regulamento

Introdución

Lugonovo afronta as súas segundas eleccións municipais rematando un mandato onde unha experiencia novidosa de unidade popular, a alianza de xentes diversas preocupadas por unha cidade común, permitiu levar ao Concello unha voz distinta, comprometida, incómoda moitas veces e sempre fiel a uns principios.

Foron case catro anos moi intensos onde non se perdeu, sen embargo, contacto coa rúa. Ao contrario, demostramos que só unha organización viva no tecido social podía representar adecuadamente o conxunto dos intereses das persoas que fan a cidade no seu día a día ao vivir, traballar e loitar nela. O éxito de Lugonovo foi que por primeira vez a xente, no sentido máis cotián da palabra, tivo acceso aos espazos antigamente vedados onde se decide sobre a súa vida.

Nesta lóxica incluímos o proceso de primarias con que queremos escoller as persoas que nos e vos representarán no Concello logo de 2019. Non tería sentido elaborar unha lista doutro xeito que non sexa cun intercambio sincero e aberto de pareceres, opinión e puntos de vista sobre o que é mellor para a maioría das persoas de Lugo, seguido dunha votación en igualdade de condicións onde quen máis ordena sexades vós.

Lugonovo medrou en moitos sentidos durante catro anos. Xa é maior de idade. Ten a madurez dabondo para demostrar que a política se fai doutro xeito e que a túa voz e o teu voto contan para iso, lonxe dos pactos de cúpulas e os bailes de salón dos xa non tan grandes partidos.

É por todo iso que che presentamos o seguinte regulamento que rexerá o proceso de primarias para as eleccións municipais de 2019 onde nos agarda a tarefa pendente e necesaria: mudar o goberno da nosa cidade, do goberno dos de sempre ao goberno das e dos de cada día.

1. Censo

Participantes

  1. No proceso de primarias de Lugonovo terá dereito ao voto toda persoa maior de 18 anos que cumpra os seguintes requisitos:
    • Residir ou ter algún arraigo de tipo familiar, laboral ou económico dentro dos límites do concello de Lugo.
    • Ser asinante do manifesto de Lugonovo con data previa á do peche do censo.
  1. Lugonovo obrígase a manter a condición de segredo do voto e ao cumprimento da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e asemade o Novo Regulamento Europeo de Protección de Datos (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, de 27 de abril de 2016.
  2. As persoas con plenos dereitos políticos terán tamén a condición de avalistas de candidaturas, tendo dereito a dar cinco avais para persoas candidatas a formar parte da lista final e un para persoas candidatas a encabezar a mesma.

Censo de persoas adscritas.

O censo de votantes para as primarias de Lugonovo será o determinado pola comisión electoral ou órgano de arbitraxe electoral, pechado en data definida no calendario electoral aprobado.

2. Aspirantes

Condición de candidata/o. Terán a condición de candidatas todas aquelas persoas con residencia ou arraigo en Lugo que cumpran cos requisitos recollidos nos artigos 177 e 178 da Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral.

Requisitos básicos para a presentación dunha candidatura. Son requisitos imprescindíbeis para a presentación de candidaturas os seguintes:

  1. Ratificar a asunción do Manifesto de Lugonovo, o seu Código Ético e Carta Financeira. Será asinado un documento que así exprese este compromiso.
  2. No caso das persoas con afiliación a partidos políticos, unha declaración en que consten os cargos que ocupa na súa organización.
  3. Estar en posesión de tres avais asinados por persoas rexistradas no censo. As persoas con intención de ser cabeza de lista deberán entregar 10 avais.

Criterios de exclusión. Non posuirán a condición de elixíbeis as persoas que se atopen nalgunha das seguintes situacións:

  1. As persoas que formen parte de candidaturas distintas á de Lugonovo que concorran ás eleccións municipais do 2019.
  2. As persoas imputadas por delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas.
  3. As persoas en situación de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.

Nota: Entenderase por investigacion xudicial a existencia dunha resolución motivada onde un xuíz estime a existencia de indicios racionais de delito.

Compromisos asumidos pola persoa aspirante

  1. Xustificar documentalmente a súa residencia ou arraigo no municipio de Lugo.
  2. Abandonar os cargos políticos que ocupe no caso de ser escollida.
  3. Cumprimento estrito do presente Regulamento.

Compromisos asumidos por Lugonovo

  1. Trato igualitario na difusión da súa candidatura.
  2. Garantía de igualdade de oportunidades.
  3. Posta a disposición da persoa candidata de recursos telemáticos para a promoción da súa candidatura.
  4. Respecto pola intimidade da persoa candidata, difundindo só os datos que desexe publicar e os meramente obrigatorios.
  5. Posta a disposición da candidata/o dos respectivos formularios para a presentación de avais.

Tipos de candidaturas

  1. Os candidatos presentaranse individualmente e as persoas que obteñan a condición de electoras emitirán o seu voto en favor de persoas individuais.
  2. A votación en primarias estará dividida entre a cabeza e o resto da lista.
  3. A cabeza de lista votarase por separado, na mesma data ou en data diferente, segundo o calendario electoral correspondente que sexa aprobado.
  4. As persoas candidatas a cabeza de lista terán a opción de ser tamén parte da lista de titulares. No caso de que unha persoa sexa aspirante a ser cabeza pero non parte da lista e non acade os votos necesarios, non formará parte da lista definitiva.

3.  Arbitraxe

Organismo para a supervisión do proceso electoral

Crearase un órgano de supervisión do procedemento de primarias denominado Comisión Electoral.

Conformación da Comisión Electoral

O órgano de arbitraxe estará conformado por un mínimo de 3 persoas elixidas na Asemblea, sempre impar. As persoas que formen a Comisión Electoral non poderán ser candidatas.

Funcións da Comisión Electoral

  1. Garantir o cumprimento deste Regulamento.
  2. Facer cumprir o calendario aprobado no proceso de debate de Lugonovo.
  3. Propor o segundo tramo do calendario de primarias.
  4. Garantir a igualdade de oportunidades durante o proceso de campaña.
  5. Aprobar as candidaturas presentadas.
  6. Resolver as distintas queixas, denuncias e irregularidades que se manifesten durante o proceso de primarias.
  7. Interpretar baleiros do presente Regulamento.

Mecanismo para a toma de decisión da Comision Electoral

  1. O órgano de arbitraxe adoptará as súas decisións por consenso, no caso de que o devandito consenso non se produza a maioría simple sería determinante.

4. Postos a elixir

Nota: no concello de Lugo as listas están compostas por 25 titulares e 5 suplentes.

Tipo de votación

  1. No acto da votación, o elector ou electora deberá realizar dúas votacións, unha para escoller á persoa que encabezará a lista e unha segunda para completar a lista.
  2. No acto de votación, cada persoa electora poderá votar a 6, 8 ou 10 persoas, garantindo que haxa un 50% de mulleres. A escolla farase de maneira ordenada nunha lista estruturada segundo a preferencia da persoa votante, asignándoselle no proceso de reconto 10 puntos á primeira persoa seleccionada, nove a segunda, oito á terceira, etc.
  3. Os votos cuxa composición de xénero non garanta un reparto mínimo do 50% de mulleres non poderán ser tidos en conta.

Reservas de postos

  1. A lista de titulares da candidatura será completada con persoas de consenso, electas pola asemblea de Lugonovo, que pola súa proxección pública avalen todo o proceso, con este fin serán reservados un máximo de 7 postos ao final da lista.
  2. Non estará limitada a presentación de candidaturas.

5. Campaña electoral das primarias

Dereitos e deberes das persoas candidatas.

  1. Dos dereitos das persoas candidatas:
    1. As persoas candidatas teñen dereito a recibir un trato igualitario por parte de Lugonovo.
    2. Dereito a acudir ante a Comisión Electoral para denunciar as irregularidades que considere gravosas para o proceso.
    3. Dereito a un espazo dentro das ferramentas telemáticas facilitadas por Lugonovo para a promoción de candidaturas. No devandito espazo poderán publicitar os motivos da súa candidatura mediante textos e fotografía. Cada unha das persoas candidatas estará representada por unha fotografía, un breve texto non superior aos 140 caracteres e un texto maior de 500 caracteres onde poderá expresar a súa visión persoal e por que cre que debe ser merecedora do voto no proceso de primarias. A presenza das persoas candidatas nestes espazos terá unha orde aleatoria.
    4. Dereito á promoción da súa candidatura nos seus perfís propios de redes sociais. Así mesmo os medios dixitais propios de Lugonovo enlazarán —se a persoa así o desexa— aos perfís persoais na rede das persoas candidatas facilitando que a cidadanía interesada en participar no proceso de primarias poida interpelalos directamente.
  1. Dos deberes das persoas candidatas.
    1. Deber de gardar o debido respecto polo resto de persoas candidatas dentro das mensaxes e actos de promoción da súa candidatura.
    2. Deber de actuar acorde a este Regulamento e ás resolucións da Comisión Electoral.

Garantías de igualdade de oportunidades

  1. Está prohibida a difusión de candidaturas mediante publicidade en medios de comunicación.
  2. Lugonovo ofrecerá a todas as candidaturas presentadas o mesmo peso dentro da comunicación tanto interna como externa.
  3. Estará prohibida a aparición en medios de comunicación públicos, privados ou comunitarios solicitando o voto.
  4. Estará prohibida a edición de material propagandístico para a promoción dunha candidatura.
  5. A Comisión Electoral emitirá unha serie de consideracións que serán recibidas por cada persoa candidata no momento de candidatarse para coñecer como pode levar a cabo a promoción da súa opción.

Calendario electoral

  1. O calendario electoral das primarias para cabeza de lista será o que aprobe a Asemblea de Lugonovo, que figurará en documento anexo a este Regulamento. O deseño do calendario das primarias para a conformación da lista electoral será competencia da Comisión Electoral que trasladará a proposta á Asamblea de Lugonovo para a súa aprobación.

6. Sistema de votación

Sistemas de votación

  1. As dúas votacións que se levarán a cabo durante as primarias de Lugonovo irán guiadas por conteo proporcional directo e matemático.
  2. Para a votación da cabeza de lista, e no caso de existir unha soa candidatura, representará unha forma de referendo, existindo tamén as opcións alternativas do voto en contra e voto en branco. A opción de voto en branco existirá tamén para a votación do resto da lista.
  3. En caso de presentarse dúas ou máis candidaturas á cabeza de lista, marcarase na papeleta unha única opción, resultando gañadora aquela candidatura que obteña maior número de votos.

7. Xornadas electorais

Lugares e formas de votación

  1. Votarase presencialmente e de maneira privada no local de Lugonovo, sito na Ronda da Muralla, número 164.
  2. Atendendo a dificultades razonadas para asistir á votación presencial, admitirase tamén o voto por correo electrónico. Neste caso, a persoa votante deberá indicar a causa do seu impedimento e acompañar foto reproducción de documento de identidade vixente. A relación do voto transmitirase en documento non practicabel, tipo pdf. O voto emitirase dende o correo que conste no rexistro da persoa na lista de inscritos.

Seguridade do proceso

  1. A Comisión Electoral velará pola seguridade do proceso.

Escrutinio

  1. O escrutinio será realizado in situ, na mesa habilitada ao efecto no local e composta polas persoas da propia Comisión Electoral, que pode solicitar a colaboración de persoas presentes no escrutinio para axilizar o reconto.
  2. Garantirase que entre os cinco primeiros postos tres serán mulleres (debendo ser a muller mais votada, como mínimo, numero dous da candidatura ), e do sexto ao decimo dúas.
  3. En caso de empate acudirase ao criterio sucesivo e por esta orde: 1) de xénero, dando preferencia ao femenino, e 2) de idade, con vantaxe para a persoa máis nova.
  4. Os resultados serán publicados nas canles propias de Lugonovo, para a súa posibel impugnación, se procede, no prazo determinado polo Calendario electoral.

8. Proclamación da candidatura

Publicación e proclamación da candidatura

  1. A candidatura será proclamada pola Comisión Electoral, ao segundo día tras a votación.
  2. Os resultados publicaranse o día da votación. Abrirase un prazo de alegacións no día seguinte ao da votación.