Lugonovo interpelará ao goberno para que dea conta no vindeiro Pleno dos motivos polos que as axudas de emerxencia lle constaron, fiscalmente, aos seus perceptores como ganancias patrimoniais. A formación denunciou en decembro que este feito lles supuxo a moitos deles, sen sabelo, o imperativo de presentar a declaración da renda e, por non facela, unha sanción económica, en torno aos 80€, da Axencia Tributaria así como a paralización da concesión doutras subvencións ate que resolveran a obriga que tiñan pendente coa administración. “No seu día atribuíamos este gravísimo erro a que os datos das achegas municipais se estaban trasladando incorrectamente a Facenda. Dous meses despois seguimos sen ningunha aclaración ao respecto por parte do executivo local – denuncia Cristina Pérez Herráiz- o que nos dá a entender que as nosas sospeitas non eran infundadas”. A edil refire que, persoalmente, enviou un escrito ao ente económico pedindo que relatara cal era o procedemento máis axeitado para comunicar a concesión destas prestacións e cómo o estaba a facer o Concello de Lugo. Na súa contestación, remitida esta mesma semana, o organismo estatal estima que debe empregarse un modelo concreto, o 190, sobre rendementos do traballo, así como especificar que as aportacións outorgadas quedan exentas de tributación polo seu carácter social. A versión, difire co explicado pola titular de Benestar na última Comisión de 2016 na que Lugonovo realizou varias preguntas. Segundo Ana Abelleira, Tesourería estaba a transmitir esa información co modelo de declaración anual de operacións con terceiras persoas, o 347. “Seguramente o problema resida nisto, nunha confusión do modelo máis axeitado para notificar os importes concedidos. Sen embargo debemos afear a actitude do equipo de goberno que, no canto de dilucidar o sucedido, preferiu dar a calada por resposta, entendemos que para non admitir que a incorrección partía do Concello”. “O que verdadeiramente importa, a tradución práctica deste proceder xenérico – continúa a concelleira – é que a equivocación prexudicou, por tanto, a tódolos beneficiarios das axudas de emerxencia, máis de 6.000 persoas. Aos que non tiñan que facer a declaración da renda, da maneira que xa denunciamos anteriormente e aos que estaban obrigados a presentala, posiblemente o fisco lles retivera máis ou lles devolvera menos cartos do que lles correspondía”. Ante esta situación, Lugonovo reclamará ao executivo que, para emendar o fallo, realice, de novo, unha declaración complementaria de tódolos expedientes afectados, se non o fixo xa, e inicie unha campaña de asesoramento dirixida aos usuarios dos Servicios Sociais advertíndoos do acontecido para que tramiten a correspondente reclamación na Axencia Tributaria e soliciten o reembolso dos importes erradamente cobrados así como a devolución das multas que lles foron impostas.