Lugonovo pide maior concreción á Xunta sobre os usos previstos para o Vello Xeral

A portavoz de Lugonovo advirte que permanecerá vixiante ao devir do proxecto de revitalización previsto para o barrio da Residencia, especialmente á dilixencia coa que as administracións local e autonómica pensan afrontalo.

Cristina Pérez Herráiz facía estas declaracións trala sinatura, levada a cabo esta mañá, entre o goberno central e a Xunta de Galicia para dispoñer dos terreos do vello Hospital Xeral. “A veciñanza de Lugo leva seis anos asistindo ás promesas de dinamización da contorna sen ningún feito que as acompañe e que lle faga crer nelas.

Por iso agardamos que o xesto de hoxe non quede só na foto e que nos vindeiros meses poidamos comprobar que o procedemento avanza, independentemente de a qué institución lle corresponda dar os seguintes pasos”. Pérez Herráiz anunciou tamén que, debido á pouca información que transcendeu ao respecto, Lugonovo trasladará, a través do grupo parlamentario de En Marea, varias preguntas para ser tratadas na Cámara galega. “En primeiro lugar queremos saber qué contrapartida terá para o Estado a cesión das instalacións.

Sabemos que se trata dunha transacción necesaria pero dubidamos moito que se produza a cambio de nada. Por outra banda, queremos que o executivo de Núñez Feijoo exprese con claridade cales son usos que terán o resto de edificios que integran o complexo sanitario porque, ata o de agora, só se estivo a falar con concreción do recinto que ocupa o Materno Infantil”.

A voceira de Lugonovo entende que un lustro é máis que suficiente para establecer prioridades e para discernir se o estado actual que presenta a construción permite desenvolvelas. “Cando os membros da Mesa da Residencia quixemos visitar o recinto que ocuparon no seu día o resto de inmobles que integraban esta unidade de saúde, o propio Sergas denegounos o permiso aludindo motivos de seguridade o cal nos leva a pensar que o conxunto terá que ser derrubado e reconstruído antes de acoller calquera servizo.

Queremos, por tanto, que no Parlamento se confirme este extremo e tamén que se precise cales, de tódolos anuncios, teñen pensado materializar de verdade: se a comisaría de policía, a residencia de asistidos e non asistidos, o laboratorio de saúde pública ou o centro de emprendemento da industria aeronáutica. Porque á vista do acontecido e botando man do refrán, moito nos tememos que tamén aquí se reproduza aquelo de que o que moito abarca, pouco aperta”, conclúe Cristina Pérez Herráiz.