Lugonovo aposta por unha planificación minuciosa que propicie a participación no San Froilán

Previsión fronte a improvisación. A portavoz de Lugonovo cre que esa debe ser a máxima coa que se organice o estacionamento en superficie e o transporte público durante o vindeiro San Froilán.

Cristina Pérez Herráiz trasladou esta mañá na Comisión de Festas a necesidade de “aprender dos erros do pasado” para que non se repitan nesta próxima edición. “A falta de aparcamentos é un problema durante todo o ano pero que se agrava especialmente nesas datas pola chegada de visitantes aínda que tamén pola supresión de moitas prazas na contorna do recinto feiral, un dos lugares onde se concentra boa parte da oferta dispoñible na cidade. Ata o de agora estabamos acostumados a chegar  unha mañá co coche ao Parque de Rosalía e atoparnos con toda a zona acordoada impedindo o paso, sen máis alternativa que ter que dar a volta. Pero cremos que as cousas se poden facer doutra maneira, especialmente este ano, cando as barracas estarán en funcionamento unha semana máis e, polo tanto, as limitacións serán prolongadas”.

A voceira da agrupación municipal suxire programar e advertir con antelación do peche deste espazo para que a cidadanía valore cómo realizar os seus desprazamentos e, sobre todo, onde deixar os seus vehículos. “Habilitar con suficiente anterioridade os estacionamentos disuasorios, aumentar as frecuencias dos buses gratuítos de conexión e, especialmente, publicitar como é debido este servizo, son factores que, ao noso xuízo, o goberno debera ter en conta ao planificar as festas porque estamos a falar dunha cuestión de orde pública”, refire Pérez Herráiz ao mesmo tempo que suxire conveniar coas compañías de autocares que percorren a provincia descontos nos billetes para fomentar as visitas.

Cristina Pérez apostou tamén por incrementar a participación das asociacións locais no deseño e desenvolvemento dos actos culturais e deu traslado da petición dos organizadores do Candeloria para que, antes do San Froilán, poidan convocar un adianto do festival, “que funcione como presentación da cita oficial para 2018”. Do mesmo xeito propuxo que durante a Ofrenda a Rosalía se reproduza o Himno Galego de forma íntegra e non parcial e que a interpretación instrumental se acompañe vogalmente da letra.