Orzamentos participativos: electoralismo, escasa ambición e pouca utilidade

Unha proposta “tardía, pouco ambiciosa e cunha utilidade real limitada no mellor dos casos”. Así se referiu hoxe á iniciativa “Lugo Opina. Orzamentos Participativos – LOOP” a portavoz municipal de Lugonovo, Cristina Pérez Herraiz. Os orzamentos participativos “que o goberno municipal vende, con bo criterio pero pouca honestidade, como unha necesidade democrática básica, chegan realmente a finais de mandato” evidenciando, a xuízo de Pérez Herraiz, que se encadran nunha mera “lóxica preelectoral” pouco comprometida cunha mudanza das formas de gobernar.

Neste sentido, a portavoz municipal de Lugonovo convida ao goberno municipal a lembrar a suspensión por un período de dous meses da anterior edición, ditaminada pola Xunta Electoral, durante as datas dos comicios municipais de 2015, campaña e precampaña. O feito de que o Partido Socialista volva aproveitar un período preelectoral para poñer sobre a mesa os orzamentos participativos evidencian, segundo Pérez Herraiz, que “a participación cidadá no Concello de Lugo é coma o Guadiana: aparece e desaparece, segundo a lóxica da comenencia” do executivo local.

Pero “non é só un problema de datas” engadiu a portavoz, lamentando que da anterior edición a esta  haxa un claro descenso da contía económica destinada ao conxunto do programa, que baixa de 500.000 a 350.000 euros. Pola súa banda, o límite de 15.000 euros para cada proxecto individual “sitúa un teito de gasto tan baixo que impide as actuacións de calado” aseverou Cristina Pérez, sinalando que “dende Lugonovo entendemos que a colocación duns bancos ou a substitución de sinais de tráfico obsoletas son medidas necesarias, pero que quedan moi curtas ante o que pensamos que ten que ser o espírito duns orzamentos participativos realmente empoderadores”.

En definitiva, Pérez Herraiz sinalou que “sempre apoiamos, en público e en privado, a necesidade de dotar ás luguesas e lugueses de ferramentas de xestión e corresponsabilización nos asuntos públicos” por tratarse Lugonovo dunha organización “comprometida cunha visión horizontal da política e da cidadanía”, pero “resulta difícil argumentar que ‘Lugo Opina. Orzamentos Participativos – LOOP’ sexa un paso na dirección axeitada para chegar a ese modelo”. Neste sentido, a concelleira lembrou que o goberno municipal ten a oportunidade de amosar un “compromiso real” implementando dous acordos plenarios como son a prometida e pendente ordenanza de participación cidadá ou a posibilidade de participación da veciñanza nos plenos con voz para defender as súas propostas.