Segundo os últimos rexistros publicados, no termo municipal de Lugo están censadas 6991 persoas con algún tipo de diversidade funcional. Un segmento da poboación suficientemente amplo e importante que representa a case o 7% das e dos lucenses e que precisa, segundo Lugonovo, do apoio de tódalas administracións públicas para favorecer a súa inclusión no mercado laboral.
“Os últimos datos que recolle o Instituto Nacional de Estatística revelan que Galicia é a comunidade autónoma coa menor taxa de actividade deste colectivo de toda España, cunha cifra que ronda o 28’2%, seguida polo Principado de Asturias (29’8%) e por Canarias (30’1%). Índices moi baixos que, consideramos, cómpre reverter para o que resulta necesario un maior compromiso institucional e empresarial”, subliña Cristina Pérez Herráiz.
A formación solicitará no vindeiro Pleno que a Corporación inste a tódalas administracións públicas a acatar e defender o cumprimento do marco legal (artigo 42 do Real Decreto Lexislativo 1/2013m de 29 de novembro) no que se establece que calquera empresa que empregue un número de 50 ou máis traballadores está obrigada a reservar, polo menos, 2 de cada 100 postos a persoas con diversidade funcional, “dado que se trata dun imperativo que, na actualidade, non se respecta até no 80% dos casos – advirte a voceira. E pediremos tamén que Xunta, Deputación e Concello esixan a esas compañías a presentación dunha acreditación que certifique a reserva desta cota, ou das medidas alternativas, para poder acceder a contratos públicos, subvencións ou beneficios fiscais. Trátase de sumar esforzos e pular, todos xuntos, pola consecución dunha integración real“, conclúe a portavoz de Lugonovo.