Lugonovo aposta por darlle continuidade ás sesións vermú musicais logo do éxito de participación acadado onte coa actuación de Gisele Jackson.
“Gustarianos que a iniciativa non quedara só nun evento illado senón que o goberno planificara toda unha programación cultural para desenvolver os domingos pola mañá aproveitando o bo costume de tomar o aperitivo”, sinala Cristina Pérez Herráiz.
A portavoz da formación cre que a organización de actividades servirá tamén para dinamizar o Casco Histórico, en horario diurno, durante a fin de semana, “algo moi recomendable, especialmente agora que o Concello fixou entre os seus obxectivos a nosa proposta para acadar a extensión da Declaración de Patrimonio da Humanidade a esta parte da capital”.
Pérez Herráiz avoga tamén por diversificar o emprazamento dos concertos e espallar a súa celebración a outras zonas e espazos con grandes cualidades técnicas e boas posibilidades de aforo “como poden ser Campo Castelo, a Tinería, a Praza de Milagrosa, Augas Férreas, etc… Se hai música, hai xente e se hai xente hai vida e nós, dende Lugonovo, o que queremos é precisamente iso, revitalizar toda a cidade e se é da man do ocio e da cultura moito mellor!”, conclúe a voceira do Grupo Municipal.